jueves, 15 de noviembre de 2012

O ALZHÉIMER E A LITERATURA GALEGA

Non son poucas as familias que, nalgún intre das súas vidas, ven como chega un novo convidado a súa casa, co cal teñen que convivir día tras día. Este non é outro que o alzhéimer. 
Na literatura galega temos xa varios autores aos que lle aconteceu, e que o deixan refrictido nas súas obras.
Aquí quero destacar a dous deles. Por unha beira, ao profesor e xornalista Paco López Barxas, e por outra ao escritor Francisco Castro. Tanto un coma o outro fan mención ao alzhéimer nos seus relatos para o libro recopilación "Vieiros de palabra", e tanto un coma o outro fanno a través da súa nai.

TU FAMILIA NO TE OLVIDA de Paco López Barxas

Alí de pé, fronte a unha tumba, miña nai foi deletreando as sílabas daquela inscrición tan repetida nas lápidas do cemiterio: Tu-fa-mi-lia-no-te-ol-vi-da... Mais ela non era consciente de que baixo a pesada lousa do panteón familiar estaban enterrados os seus. E os seus eran, sobre todo, a súa nai e o seu home...
Cando regresamos á casa puxémonos a ver as fotos dun desvencellado álbum familiar, sentados comodamente no sofá.
-Aquí estás na galería da casa de Gomesende... Aquí coa avoa nas festas da Frieira, aquí coa señora Ramona, a miña matrona, en Padrenda, non lembras?
Eu seguía a falarlle mentres ela, sen dicir nada, asentía coa cabeza...
-Mira... Quen é este mozo? -pregunteille sinalando co dedo índice ao meu pai, retratado no medio da ponte de Ponte Barxa co edificio da Aduana ao fondo-.
-Quen vai ser...! -contestoume sen poder lembrar o seu nome-. Quen vai ser...! -repetiu cun sorriso de complicidade, mirando para el e despois para min-. Logo achegou o retrato aos seus beizos e deulle un bico...
Daquela decateime de que as neuronas da alma eran inmunes aos efectos devastadores do alzhéimer.


INVENTARIO DE TODOS OS RECORDOS DA MIÑA NAI SOBRE GOMESENDE, AGORA QUE PERDEU A MEMORIA, PARA QUE QUEDEN ESCRITOS E DAQUELA NON SE PERDAN DE TODO por Francisco Castro

A miña nai naceu en Gomesende. Enferma de alzhéimer dende hai moitos anos, non lembra nada nin a ninguén. O seu fillo máis pequeno, escritor, vese na obriga de deixar todos os recordos da nai, da que foi terra primeira, por escrito e nun máximo de 1000 caracteres con espazos:
...somos da Guía o avó era xuíz de paz e papá pasaba vacas de contrabando pola raia unha vez perdinme aparecín na igrexa coa cabeza metida nun enreixado de nena pensaron que morría sempre estaba enferma e meu pai chamou unha noite ao enterrador para encargarlle a caixa e a miña nai levoume canda tres vellas que eran bruxas e pasáronme polo colo para sacarme o meigallo e caín no río e salvei a vida e non morrín pero papei unha pulmonía tiven un tío que se dedicou a timar durante anos aos emigrantes que ían a América collía os cartos e logo quedaban tirados no peirao de Vigo eu tiña un gato que se me deitaba aos pés da cama para quencermos e tiña unha tía que era moi boa e que nos daba galletas de chocolate dicía que era un macholo porque xogaba cos nenos e...

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada